Manuel Rodríguez López no Colexio de Paradela

 

O próximo venres, 27 de febreiro (2015), vaise celebrar no Colexio Público de Paradela un acto en lembranza do poeta paradelense Manuel Rodríguez López, co gallo de terse cumprido (13-2-2015) o vintecinco aniversario do seu pasamento.

Ás doce da mañán, abrirase para os alumnos do colexio a exposición Manuel Rodríguez López, emigrante galego-poeta obreiro que, dentro do Proxecto Manuel Rodríguez López, ten xa sido presentada en Lugo, Santiago, A Coruña, Vilalba, Begonte, Sarria, Portomarín, Barcelona, e mesmo en Paradela onde comezou o seu percorrido itinerante. Nesta ocasión, a exposición acode ao Colexio da capital do concello, onde todos os alumnos recibirán cadanseu exemplar da Antoloxía poética de Manuel Rodríguez, xunto co folleto que recolle íntegros os contidos da exposición.

O proxecto Manuel Rodríguez López, impulsado por Galicia Digital xunto coa familia do escritor, conta co apoio do Concello de Paradela, Deputación Provincial de Lugo-Vicepresidencia 1ª, Xunta de Galicia e Real Academia Galega.

A exposición itinerante, despois de permanecer varios días no colexio de Paradela, viaxará a Madrid, onde será inaugurada na Casa de Galicia, o próximo catro de marzo.

No acto do Colexio de Paradela, que será presidido polo Secretario Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García Gómez, participará o Alcalde de Paradela, José Manuel Mato; o director de Galicia Digital, Antonio Giz; a viuva do escritor, Irene López; o Director do colexio, Orlando Fernández, e alumnos do Centro leerán poemas de Manuel Rodríguez López.

Desde hai anos, os alumnos deste centro leen poemas do autor no acto de entrega de premios do Certame literario do Concello de Paradela, que leva o nome do que é fillo predilecto do Concello e da nome á Casa da Cultura, que neste ano acada a súa XX edición.

The post Manuel Rodríguez López no Colexio de Paradela appeared first on Lugo Cultura Dixital.

Leer más http://www.lugoculturadixital.es/manuel-rodriguez-lopez-no-colexio-de-paradela/