PEDRO LAMAS, XOSÉ LOIS ROMERO E JACOBO DE MIGUEL (AZOUGUE) EN CONCERTO O DÍA 3 DE XUÑO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

O sábado, 3 de xuño, ás 20 hrs, dentro do ciclo Concertos na intimidade que organizamos desde a Casa-Museo Manuel María, imos poder coa actuación de Azougue, un trío composto por músicos de recoñecido prestixio (Pedro Lamas (saxo soprano e barítono, gaita, dulzaina melódica, percusións), Xosé Lois Romero (percusións…

O sábado, 3 de xuño, ás 20 hrs, dentro do ciclo Concertos na intimidade que organizamos desde a Casa-Museo Manuel María, imos poder coa actuación de Azougue, un trío composto por músicos de recoñecido prestixio (Pedro Lamas (saxo soprano e barítono, gaita, dulzaina melódica, percusións), Xosé Lois Romero (percusións tradicionais) e Jacobo de Miguel (piano)) e cunha dilatada carreira musical en distintas propostas e formacións musicais.

O azougue confire ao vidro a facultade de reflectir a realidade que recibe, pois o espello non é senón un vidro azougado. Do mesmo xeito Lamas e De Miguel, coa colaboración de Romero, reciben a realidade da música tradicional, mais a reflicten cun espello libre que non se cingue á literalidade do obxecto reflectido. O espello imaxinario co que traballan xera novas pezas en que a compoñente tradicional tan só é unha parte da súa nova realidade, un mundo musical en que a World Music conflúe coa música clásica e o jazz, un mundo en que a tradición ocupa sempre un lugar privilexiado.

Pedro Lamas é un recoñecido músico e compositor galego. Compaxina a súa faceta de mestre e divulgador da música tradicional coa de intérprete e arranxista para diversas formacións como a Nova Galega de Danza, Radio Cos, Guadi Galego, Kepa Junkera, Sondeseu, Xabier Díaz, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Quique Peón Cía ou a Orquestra de Jazz de Galiza, da que é co-director xunto a Roberto Somoza, entre outras moitas. O seu paso precoz por diferentes concursos e certames de gaita celebrados no país deixa como bagaxe un dos curriculums máis laureados da música tradicional de Galiza con máis de medio cento de premios e recoñecementos no seu haber. Formou parte de producións tan exitosas como “Alento” (2003), “Engado” (2006), “Tradicción” (2009), “Alendacroa” (2011), o musical “Galicia Caníbal” (2012) ou “Dez” (2013), cos que acada múltiples recoñecementos como o “Premio das Ciencias e Artes da Representación” (2009) ou o 2º Premio no “XXI Certame de Danza Española y Flamenco” (2012). Recentemente participa na multitudinaria montaxe “O poder do arcabuz” (2015) en que exerce como compositor e director dunha orquestra de máis de medio cento de músicos. No presente ano recibe o Premio Martín Códax ao mellor proxecto de Folk como integrante do trío Vaamonde, Lamas e Romero.

Jacobo de Miguel é un pianista e compositor asturiano. Comeza a estudar piano clásico á idade de sete anos. Cando chega á vintena decántase pola música improvisada e o jazz. Desde este momento desenvolve un estilo en que o enfoque improvisatorio gravita arredor de todas as músicas que teñen formado parte da súa vida. Nos últimos anos, froito do seu interese por levar a improvisación a todos os xéneros musicais, pon a súa atención de novo na música clásica e comeza a interesarse polas músicas de raíz do noroeste do Estado español. En paralelo á súa faceta concertística e compositiva discorre unha labor pedagóxica en que o ensino de técnicas de improvisación ocupa un lugar preferente.Ten tocado e/ou gravado con: Carlos Barretto, Jimmy Weinstein, Rob García, Masa Kamaguchi, Matt Renzi, Matthew Simon, Paolo Porta, Walter White etc… Entre as súas últimas gravacións como líder ou co-líder encóntranse “Dúo” de Jacobo de Miguel/Ton Risco Dúo, “Eye in the Sky Proyecto”, “Ròckilo” de Jacobo de Miguel Cuarteto, “Xota pa’ Tres” de De Miguel, Wolfe & Quintana. As súas últimas colaboracións están recollidas en “Accipiter Gentilis” de Kin García Trío, “The Vanguard” de Roberto Somoza, “Right Way Down”, “The Heat” de Ethan Winogrand etc…

Xosé Lois Romero é un recoñecido acordeonista, percusionista e compositor formado na música tradicional. Foi membro de grupos referenciais como os cuartetos Lelia Doura e Luvas Verdes, así como da compañía Nova Galega de Danza, en que foi director musical nos espectáculos “Alento” (2003), Premio Opinión a Mellor Disco Galego do Ano, e “Engado” (2006). En 2008 realizou os arranxos e a dirección musical do espectáculo “Terra de soños”, que supuña o retorno aos escenarios de Fuxan os Ventos, con 30 recoñecidos artistas en directo. O concerto foi editado en 2009 en fomato libro-CD-DVD. Ese mesmo ano elabora e interpreta en directo a música do espectáculo “Ovay”, primeira montaxe da compañía de Quique Peón, editada dixitalmente como “Música para Ovay”. 
É coautor xunto a Suso Vaamonde da colección didáctica musical “Pel & madeira”, e membro do grupo tradicional da Axencia Galega das Industrias Culturais. Formou parte de aCadaCanto xunto a Guadi Galego, Xabier Díaz e Guille Fernández, e ten colaborado con innumerábeis artistas, tanto en gravacións como en directo, e obras da súa autoría forman parte dos seus repertorios: Mercedes Peón, Kepa Junquera, Susana Seivane, Guadi Galego, X.M. Budiño, Leilía, Xabier Díaz, Fuxan os Ventos, Faltriqueira, Radio Cos, Coetus, Jane Joyd, aCadaCanto, Jabbar Al Janabi, Orquestra de Jazz de Galiza… cos que ten actuado por todo o mundo, desde Amann a Nova Iorque, pasando por Zimbabwe ou Bos Aires. 
Na actualidade forma parte do trío tradicómico Vaamonde, Lamas e Romero  e vén de crear o grupo Aliboria en que desenvolve a súa visión renovadora da percusión tradicional. Compaxina as súas xiras e concertos coa docencia e a difusión do folclore.

O billete para asistir a este concerto é de 5 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal e/ou chamando ao tel. 698177621. Xunto a este correo achegámosvos o cartaz por se o podedes difundir.

 

Casa-Museo Manuel María

Leer más http://www.lugoculturadixital.es/pedro-lamas-xose-lois-romero-e-jacobo-de-miguel-azougue-en-concerto-o-dia-3-de-xuno-na-casa-museo-manuel-maria/