Milesios, Reviravolta, as bandas de música de Begonte-Rábade-Outeiro e de Solfa de Compostela son algúns dos alicientes que presenta esta cuarta edición do convivio
A paraxe da Carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei, a música de Milesios, Reviravolta, Maraxe, Parabéns…na foliada que animará Xurxo Souto a partir das 17:00 horas,…
Milesios, Reviravolta, as bandas de música de Begonte-Rábade-Outeiro e de Solfa de Compostela son algúns dos alicientes que presenta esta cuarta edición do convivio
A paraxe da Carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei, a música de Milesios, Reviravolta, Maraxe, Parabéns…na foliada que animará Xurxo Souto a partir das 17:00 horas, a banda de música de Begonte-Rábade-Outeiro e a banda e coro de Solfa de Compostela ao pé do río Miño durante o mediodía son algúns dos alicientes que presenta este ano a cuarta edición do Convivio da Cultura Galega que se levará a cabo este sábado, 8 de xullo.
O encontro, aberto a todas as persoas e a todo o asociacionismo cultural de base, desenvolverase entre a Casa-Museo Manuel María, no centro da vila de Outeiro, onde se recibirá os participantes a partir das 11:00 H. da mañá, e a Carballeira de Santa Isabel, unha fermosa paraxe natural situada a menos de 1 quilómetro da casa natal do escritor onde as augas do río Ladra conflúen coas do Miño. Transformada hoxe nunha magnífica área recreativa, o Campo da Santa Isabel foi tradicionalmente o lugar da festa e tamén o lugar dos xogos infantís e das descubertas da natureza: de aí que para Manuel María fose sempre un lugar moi querido e tan presente sempre na súa obra.
O Convivio, organizado pola Casa-Museo Manuel María, xunto á federación Galiza Cultura de asociacións culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, quere ser, sobre todo, unha xornada lúdica e festiva, de convivencia, de recuperación do espírito comunitario da tradicional romaría da Santa Isabel de Outeiro de Rei, de foliadas e xantar demorado. Todo isto arredor da figura de Manuel María, que dedicou por enteiro a súa vida á construción dunha cultura propiamente galega, dun país normal e normalizado, e que tanto colaborou co nacemento de tantas asociacións e proxectos culturais.